Friday 10 de May de 2024

Iván Roca Cruz substituirá a Xurxo Martínez Caño como portavoz do BNG de Oleiros


A marcha ao estranxeiro por razóns laborais do aínda concelleiro nacionalista motiva este cambio a uns meses das eleccións municipais de maio de 2023

O BNG destaca o grao de normalidade e compañeirismo co que se acorda este relevo e agradece a capacidade de traballo de Xurxo Martínez, para quen desexa unha pronta volta

A Asemblea Local do BNG de Oleiros vén de acordar por unanimidade que Iván Roca Cruz substitúa a Xurxo Martínez Caño como concelleiro e portavoz municipal. Debido ao seu traballo no mar,que o obriga a pasar longas tempadas no estranxeiro e a novas obrigas laborais, Xurxo Martínez Caño vese na obriga de renunciar á portavocía neste tramo final do mandato, un labor que sempre desempeñou con esforzo e demostrada capacidade de traballo.

A Asemblea Local do BNG de Oleiros agradécelle de xeito público a súa gran dedicación durante este tempo, en condicións non sempre doadas debido á súa máis que peculiar situación laboral, e deséxalle unha pronta volta á terra, a súa terra. Martínez Caño ocupou o número 2 da candidatura nacionalista en maio de 2019 e hai agora dous anos tomaba o relevo de Fran Rei na corporación municipal.
Nun ambiente de gran compañeirismo e absoluto consenso, e dado que a situación laboral e particular das persoas que en 2019 ocuparon o terceiro, cuarto e quinto posto da candidatura non lles permite asumir neste momento esa responsabilidade, a Asemblea Local do Bloque acordou que Iván Roca Cruz se faga cargo da portavocía municipal nacionalista neste tramo final do mandato.

Iván Roca Cruz ten 49 anos, é veciño de Dexo, milita no BNG desde hai dúas décadas, é xurista do corpo superior de técnicos de II.PP., sindicalista da CIG no seu ámbito de traballo, e é tamén membro da Irmandade Xurídica Galega.

Paralelamente a este relevo, o BNG de Oleiros xa traballa no proceso para definir o seu programa e candidatura para as eleccións municipais de maio de 2023.